II Domingo de Advento

 
Ti
estás
preto.

Preto nas grandes alamedas
da vida:
no traballo e no estudo,
na acción e a diversión.

Ti
estás
preto.

Preto nos momentos fortes,
cando a vida galopa con frenesí:
no frechazo do amor,
na emoción de ter un fillo,
no afundimento de perdelo,
no sosego do fogar,
na voda da filla maior,
na vocación do mediano,
na fecunda soidade do que o deu todo,
na entrada á universidade,
no aprobado ansiado,
na vitoria deportiva;
no primeiro contrato de traballo,
na perda da nai,
na enfermidade que non remata,
na morte...

Ti
Estás
Preto.

Preto nas horas cruciais
da xustiza e a liberdade:
no clamor dos desempregados,
na agonía dos famentos,
na loita sindical,
na dureza da folga,
no horror da guerra,
na loita clandestina,
no rexistro, o cárcere e o interrogatorio,
na angustia da tortura,
no pelotón dos fusilados,
na palabra amordazada da falsa democracia,

no combate das mulleres,
no reto dos marxinados,
na escuridade dos diferentes,
na difícil sementeira da fe...

Ti
estás
preto.



Escoita esta cantiga e abre un camiño ao silencio onde sentirás que o Señor está preto.

Unha voz berra no deserto:
«Preparade un camiño ao Señor:
achandade na estepa unha senda ao noso Deus;
que os vales se levanten,
que os montes e outeiros se rebaixen,
que o torcido se endereite e o escabroso se iguale».
Que se achanden as diferenzas e as desigualdades
porque todos somos fillos dun mesmo Deus
e todos merecen un mesmo trato.
Que se levanten a xustiza e a honradez,
para que a verdade e o ben
sexan o que brille neste mundo.
Que se abaixen os cumes do orgullo,
as cordilleiras da arrogancia e da soberbia
para que a humildade nos faga máis humanos.
Que se endereite o retorcido,
as curvas da mentira e a manipulación,
as revoltas das malas intencións
para que o corazón chegue a ser limpo e transparente.
Que se igualen as asperezas dos homes
para que sexa a tenrura e a misericordia
a que presida as nosas relacións
Que os camiños entre os homes sexan transitables,
que por eles circule a cor verde da vida
e a persoa volva estar no centro da vida.
Preparade o camiño ao Señor...
E TODOS VERÁN A SALVACIÓN DE DEUS.



Como podo eu, Señor, preparar o teu camiño?


Tamén podes usar esta oración persoalmente, na túa casa ou no teu grupo
http://www.carmelitasav.org/doc/oraciones/oracion2.pdf 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Novena a San Ildefonso